Friday 17 de May de 2024

Á venda desde o vindeiro xoves as entradas para o concerto de Van Morrison


O Concello porá á venda 6.760 pases con prezos que parten dos 40 euros

O Concello da Coruña porá á venda o vindeiro xoves día 21 as entradas para o concerto que dará Van Morrison no Coliseo o día 3 de decembro deste ano. As entradas estarán dispoñibles en Ataquilla desde as 10.00 horas de mañá do día 21. En total, sairán á venda 6.760 pases, con prezos que parten dos 40 euros.

Co concerto de Van Morrison o Concello da Coruña retoma a programación de primeiras figuras internacionais da música e recupera os concertos co público en pé e cunha capacidade máis ampla que as establecidas a causa pandemia, mais que aínda non chega ao 100%.

O músico de Belfast volve á cidade 22 anos despois do seu último concerto na Coruña. A actuación, prevista para as 20.30 horas, enmárcase na xira mundial que está a realizar o artista, xira na que o concerto da Coruña será un dos poucos previstos en España.

O Concello está a recuperar as grandes actuacións nos seus recintos. Hoxe mesmo actuou no Coliseo Rauw Alejandro no primeiro concerto celebrado en interior cunha capacidade de 5.000 persoas. A semana que vén actuará Aitana no mesmo recinto, concerto para o que xa están esgotadas todas as entradas.